Museo

[PÁXINA EN CONSTRUCIÓN]

MDCL: Museo Diocesano Catedralicio de Lugo
Creado en 1918 o MDCL, o decano dos museos galegos, pasou os seus primeiros 100 anos de vida ocupándose da difícil tarefa de conservar, estudar, exhibir e divulgar unha colección de excepcional valor; aproximando á sociedade o legado da historia, da arte e da espiritualidade da Diocese de Lugo. Localizado desde 1995 na Catedral, un edificio singular Patrimonio da Humanidade cun Tesouro exquisito, o MDCL permite coñecer, percorrer e afondar no coñecemento da súa fábrica, ao estar aloxado nuns espazos únicos: o Claustro, a Sala Capitular e Antesala do Arquivo, e o triforio catedralicio.
As diferentes modalidades de visita centralízanse na Recepción do MDCL, localizada na fachada occidental da Catedral que conta con duplo acceso: exterior, Praza Pío XII; e interior, nave sur.

Colección permanente O MDCL propón unha viaxe ao cerne, ao pasado e ao presente da cultura galega a través das súas testemuñas, verdadeiras obras de arte que aproximan a cosmovisión espiritual e artística na Diocese de Lugo a través do tempo e da súa historia. Un itinerario que percorre os sentimentos e as expresións do pobo cristián en sete seccións expositivas ou paradas obrigadas.
Triforio Nel centralízase a meirande parte das secciones expositivas: As orixes: un museo arqueolóxico, na que se presentan os restos arqueolóxicos desde as culturas peninsulares das grandes covas até a irrupción de Roma na Gallaecia; A obra de Deus: dos símbolos ás palabras, introdúcenos no primeiro cristianismo lucense e nos debates historiográficos, sendo pezas claves desta sección o Crismón de Quiroga e os restos marmóreos do templo soterrado de Santa Eulalia de Bóveda; Do novo templo ao templo do Medievo, fai unha pequena parada nas pequenas e grandes fábricas medievais e presenta un espazo único, un balcón en altura aberto á principal nave da basílica, un espectacular centro de interpretación da fábrica catedralicia; Da que Deus Mamou leite do seu peito, é unha alusión á Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa da Catedral, nela pódese admirar unha evolución da imaxinería mariana, do románico ao gótico; Hoc hic Mysterium…, achega por medio da ourivería litúrxica a historia da sé lucense e o privilexio inmemorial da Exposición Perpetua do Santísimo Sacramento, factor primordial da espiritualidade lucense e orixe dos símbolos do escudo de Galicia; Ad sanctos, esta derradeira sección do triforio catedralicio nos aproxima, ademais dun espazo excepcional para a contemplación do Altar Maior e o conxunto de pintura mural barroca que coroa a súa bóveda, a devoción lucense feita imaxes.
Sala Capitular e Antesala do Arquivo Nelas centralízase a sección Ars Picta, unha perspectiva única á pinacoteca atesourada no MDCL, na que, xunto nomes como Zacarías G. Velázquez ou Vicente López atópanse outros como o de Asunción Crespo, miniaturista española do século XIX.
Claustro Nel atópanse o grande lítico existente no MDCL, pezas de cronoloxías varias que non rouban protagonismo ao espazo, sendo o claustro catedralicio a “opera prima” do grande arquitecto Fernando de Casas y Novoa.

Un paseo polas nubes. Unha viaxe ás cubertas da Catedral de Lugo Espazos, cores, sensacións e sentidos protagonizan a visita ás cubertas. Unha ascensión por escalas desde onde se poden obter magníficas panorámicas de Lugo e dos tres Patrimonio da Humanidade concentrados nela: a Catedral, o Camiño Primitivo e a Muralla Romana.